miércoles, 27 de noviembre de 2013

Presentación en Compostela de O corazón da Branca de Neve (Galaxia 2013), de Francisco Castro

O pasado 26 de novembro, tivo lugar a presentación de O corazón da Branca de Neve (Galaxia 2013), a novela de Francisco Castro gañadora do Premio de Novela por Entregas 2013 de La Voz de Galicia. Un bo feixe de persoas nos xuntamos na librería Cronopios, de Santiago para escoitar a María Solar e ao propio Fran Castro. Un picoteo posterior fixo aínda máis agradable o acto, nun establecemento que está a converterse, no pouco tempo que vai dende a súa abertura, nunha referencia para a cidade camiño de alcanzar as mesmas cotas que a librería homónima de Pontevedra.
María Solar falounos de Fran e tamén de xeitos de escritura, de escritores rápidos e lentos, pero todos eles, coa marca do país de ser escritores roubahoras, que lle quitan tempo ao lecer e á familia para escribir literatura, uns co método de aproveitar esas horas para compoñer novelas feitas aos poucos, a base de engadir texto ata dar a novela por rematada, -como a propia María afirma redactar-, e outros, como Fran Castro, que escriben a base de "sachar", en palabras da propia María: revisando e podando tres veces un primeiro borrador dos seus escritos. Virxilio, por certo, era tamén do segundo tipo, como Fran: Donato, o seu biógrafo transmite que "redactaba pola mañán moitos versos, que dictaba, e logo pasaba o resto do día retocándoos ata reducilos a moi pocos. Decía, e non sen razón, que él facía nacer o seu poema e lle daba xeito definido igual que unha osa lamía ás súas crías". 
Así, a base de sacho ou de lametóns, nace esta novela de xénero policíaco que no seu plano formal se suxeita ás bases dun premio que esixía 31 capítulos de 3500 caracteres. Fran Castro axustouse perfectamente a este modelo, que non só non lle resultou constreñidor, senón que me atrevería a dicir que para os lectores ten o engado da velocidade e o engaiolamento do folletín. A trama, nese sentido, tamén podería ser calificada de folletinesca. Fran Castro ten escrito en O corazón da Branca de Neve un relato arredor das bandas que rouban nenos. Con estes escuros mimbres compón un retrato de denuncia da hipocresía dunha sociedade que sempre é capaz de xustificar o inxustificable. Faino a través dun personaxe xa coñecido polos seus lectores: o inspector Hermida. 
A profundización en Hermida é un dos grandes acertos da novela. O vello inspector é un retrato de tantos funcionarios cansos que afrontan o diario o choque entre a súa ética e unha sociedade que se encargan de conter pero que lles golpea as costas diariamente. María Solar, con moita exactitude, definiu a O corazón de Branca de Neve coma unha "novela rotunda". Rotunda e do mesmo xeito, redonda. Fran Castro domina á perfección, como dixemos, esa técnica derivada do folletín -e tan implicada ademáis coa prensa diaria- de someter ao lector aos anticlímax e clímax de cada capítulo, para obrigalo, queirao ou non, a non abandoar unha lectura que resulta tan amena como intrigante. Complementa este aspecto o ter composto moitas voces que nos falan de xeito que poidamos compoñer, ao igual que Hermida, un ácedo retrato dun mundo máis oscuro do que nos gustaría a todos nós, e tal vez, en particular, ao vello inspector. Unha denuncia, así, do que temos construído e nos rodea, para ben e para mal. Con todo elo Fran Castro ofrécenos unha novela poderosa e de alta calidade.


2 comentarios:

  1. ¡Que sea enhorabuena!. Me gusta ese trozo de almanaque girado. No sabía de la librería Cronopios. Saludos de Ramiro.

    ResponderEliminar